Friday 22 January 2021

Indicacións para as familias sobre as mochilas viaxeiras

 As vantaxes de aprender inglés a través dos libros

Todo o alumnado desfruta cos contos, pero sabiades que ademais é unha das mellores formas de que aprendan inglés? Para empezar, os libros infantís e xuvenís son motivadores porque son entretidos e divertidos. Os personaxes, a ambientación e o argumento axudan a que o alumnado aprenda sobre o mundo, aviva a súa imaxinación e estimula a súa curiosidade facendo que se pregunte: “Que pasará despois?”.

Os libros presentan palabras novas no contexto dunha historia, o que axuda a recordarlas mellor, grazas á estreita relación entre elas e os personaxes, a contorna na que se atopan e a acción; no caso dos contos ilustrados, incluso, estas novas palabras aparecen especialmente ligadas ás ilustracións.

Outro elemento moi interesante é a rima presente nalgunhas narracións, que axuda a pronunciar e a escribir correctamente de forma amena e divertida esas complicadas palabras inglesas. A rima tamén favorece a memorización das palabras, xa que fai que ao alumnado lle resulte máis sinxelo recordalas pola maneira en que soan e, ademais do vocabulario e a pronunciación, o feito de escoitar ou ler un conto unha e outra vez pode contribuír a que se interioricen as estruturas gramaticais, de maneira que cando haxa que estudalas máis adiante xa coñezan moitos exemplos que poderán aproveitar. A través das historias, os novos lectores aprenden ademais a seguir un fío argumental e a ordenar as súas ideas, pezas fundamentais para conseguir comunicarse con eficacia.

O vocabulario parece complicado, será capaz o alumnado de seguir a historia?

Un dos aspectos máis positivos dos libros infantís e xuvenís é que inclúen preciosas ilustracións. O que non se entenda do que se lea, probablemente poida deducirse grazas aos debuxos (a maiores, algúns dos libros teñen un diccionario de palabras destacadas). Non importa se non as comprenden todas: deducir o significado dun texto é unha habilidade de gran valor para a comprensión lectora.

Rutinas especiais para a lectura en infantil e os primeiros cursos de primaria

Xa sexa en forma de conto antes de durmir, ou ben quentiños nun sofá, é moi positivo adquirir o hábito de ler en inglés, para que o alumnado asocie esa actividade con algo agradable. Non é necesario complicarse moito: pode ser algo tan sinxelo como dedicar un momento especial para que estean con papá, mamá, ou os seus titores, e desexarán que chegue ese intre.

Que pasa se ninguén de nós fala inglés?

Se vos atafega ler un conto en inglés aos vosos fillos en voz alta, ou non podedes axudar ao alumnado dos últimos cursos de primaria, non vos preocupedes porque incluímos enlaces a varios audios dos libros, e podedes consultar o significado daquelas palabras que descoñezades no blog de Ingles: http://englishatvi.blogspot.com/ (a man esquerda hai varios enlaces a dicionarios) ou nesta páxina web: https://www.lexico.com/ (pódese seleccionar a opción English-Spanish).

Listaxe de libros das maletas viaxeiras

 

·         TRES ANOS: Nunu’s games, de Cally Stronk e ilustrado por Constance Kitzing

Á pelota, co quebracabezas ou coas pezas de construcción, o pequeno elefante descobre a importancia do xogo individual e colectivo. Vídeo coa narración en inglés: https://www.youtube.com/watch?v=frwVecG0Pb4 (pódese acceder ao enlace tamén a través do blog de Inglés).

·         CATRO ANOS: Milu’s Dog, de Mariann Máray.

Fluffy é o gran compañeiro de xogos e de diversión dunha nena encantada coa súa peculiar mascota. O XII Premio Internacional Compostela é unha historia de amor polos animais, amizade incondicional e liberdade.

·         CATRO ANOS: What’s That Terrible Growl?, de A. H. Benjamin e ilustrado por Merel Eyckerman.

Quen gruñe así? A resposta será unha sorpresa inesperada. Ás veces os sons máis inesperados pode facelos alguén moi pequeno. Cando se escoitan ruídos estraños nunha casa, o protagonista imaxina quen pode gruñir así: un grande oso, un león, un dragón, un ogro... Vídeo coa narración en inglés: https://www.youtube.com/watch?v=zBbqhI9KPLo.

 

·         CINCO ANOS: The Little Red Hen, adaptación de Pilar Martínez dun conto tradicional. Ilustracións de Marco Somà.

A galiña atopou uns grans de trigo, sementounos, recolleu a colleita, foi ao muíño, forneou o pan... Pero nin o can, nin o gato nin o pato lle axudaron. Vídeo coa narración en inglés: https://www.youtube.com/watch?v=CLqGLE5zTIk. As versións son un pouco diferentes.

  CINCO ANOS: The Gruffalo, de Julia Donaldson e Axel Scheffler.

Conta a historia dun rato que sae pasear polo bosque e atópase con tres animais que teñen moita fame e queren comelo, pero o rato é moi listo e fálalles dunha criatura monstruosa para lograr escapar de cada un deles. Vídeo coa narración en inglés: https://www.youtube.com/watch?v=s8sUPpPc8Ws. 

·         1º DE PRIMARIA: Three Billy-Goats, adaptación de Sue Arengo dun conto tradicional. Ilustrado por Sandra Aguilar.

Tres cabras cruzan unha ponte a pesar de que debaixo dela hai un trol. Vídeo coa narración en inglés: https://www.youtube.com/watch?v=jYo4pKc2d8o.

·         2º DE PRIMARIA: Greedy Bunny, de Carole Patton. Ilustracións de Ulises Wensell.

Un coello lambón busca outro tobo onde a comida sexa máis abundante, pero o resultado non acaba sendo o desexado, por desgraza.

 

·         3º DE PRIMARIA: Goldilocks and the Three Bears, adaptación de Sue Arengo dun conto tradicional. Ilustrado por Akbar Ali.

Clásico da literatura infantil, baseado nun conto popular inglés, Goldilocks é a historia dunha nena que desobedece aos seus pais e entra nunha casa allea no medio do bosque. Vídeo coa narración en inglés: https://www.youtube.com/watch?v=7C_b0-D8KMk.

·         4º DE PRIMARIA: The Jungle Book, de Rudyard Kipling. Ilustracións de Carmen Guerra.

Unha manda de lobos protexe a Mowgli cando este apenas sabía camiñar. O pequeno aprenderá as leis que rexen a vida na selva da man de Baloo, un vello oso pardo que tamén lle ensina o valor da amizade. Vídeo coa narración en inglés: https://www.youtube.com/watch?v=ZNzNEXCLt5o.

·         5º DE PRIMARIA: Alice in Wonderland, de Lewis Carroll. Iustracións de Francesc Ràfols.

A nena Alicia, caendo polo tobo dun coello vai dar a unha sala soterraña onde medra e encolle segundo consome doces máxicos. Entra nun xardín encantado no que estraños personaxes manteñen con ela absurdos razoamentos, e logo esperta. Vídeo coa narración en inglés: https://www.youtube.com/watch?v=yZxlx7FegBM.

 

·         6º DE PRIMARIA: Romeo and Juliet, de William Shakespeare. Iustracións de Francesc Ràfols.

Aínda que as súas familias son inimigas, Romeo e Xulieta non poden evitar amarse profundamente e, por iso, loitarán con todas as súas forzas para estaren xuntos. Mais o destino e o enfrontamento das súas familias impiden esta historia de amor. Vídeo coa narración en inglés: https://www.youtube.com/watch?v=gqqkn7gRNkE.

Fonte: Tracey Chapelton (British Council).

No comments:

Post a Comment